xoves, 23 de abril de 2015

Alicia e Aida, unha vivencia persoal e xornalística


Nesta entrada, imos facer un resumo de como nós vivimos estes catro días da Semana Cultural, que en xeral foron intensos, pero tamén divertidos.

 Ao principio, crimos que traballar no Gabinete de Comunicación ía ser un pouco agobiante, sen descanso, pero resultou ser unha tarefa divertida, aínda que canse un pouco.

 Dentro da actividade hai diferentes funcións: están os redactores, os fotógrafos, os editores de vídeo, os cámaras e máis os encargados do blogue e das redes sociais. De cada un dos artigos encárganse normalmente dous redactores e, ás veces, un cámara, para fotografiar ou gravar imaxes de apoio á información escrita. Os que van facer traballo de campo levan un chaleco reflectante, para así ser facilmente recoñecidos.

 Ao ser máis de vinte persoas nesta actividade, para que todo poida levarse a cabo, precísase coordinación e unha boa organización á hora de repartir o traballo. Para isto, temos unha pizarra na que apuntamos as horas ás que comezan e terminan as actividades, e o traballo feito e o que falta por facer. 

 Polo que vemos no equipo de prensa, os integrantes están contentos coa súa función na Semana Cultural, e entusiasmados por cubrir un novo artigo, aínda que non sempre te vaia tocar a noticia que che gusta. O normal cando imos entrevistar a alguén é que os rapaces e os profesores sintan curiosidade polo noso traballo e nos pregunten “Que estades facendo?”, “Onde vou sair?” e ata “Como é o equipo de redación?“.

 O que realmente aprendimos nesta actividade é a escribir cara ao público, e non para nós mesmos, como soemos facer, e incluso a redactar con orde un artigo poñendo toda a información necesaria, sen excederse. Tamén como entrevistar, sen chegar a aburrir aos lectores coas mesmas preguntas de sempre.

 Sen dúbida, o mellor de todo foi o traballo en grupo. O próximo ano probaremos outras actividades, para vivir a Semana Cultural desde outra perspectiva.

(A. F. L. - A. F. F.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os posts que vos poden interesar